CRTVG

Buscar

A COVID-19 provoca fortes perdas no sector pesqueiro

Publicado o 24/04/2020 20:44

A COVID- 19 está golpeando con forza o sector pesqueiro. O medo ao contaxio fai que baixen as vendas de peixe nas prazas de abastos. E o peche dos restaurantes tamén baixa a demanda. Así que moitos mariñeiros están optando por saír pescar menos días á semana.

José Antonio Pérez, patrón das confrarías galegas: "Os barcos están traballando por quendas porque se un día vendes ao día seguinte xa non es capaz de vendelo e ao non haber demanda na restauración xa non somos capaces".

En Galicia, son os mariñeiros os que deciden pola súa conta cando saen pescar ou non. Nas Baleares, o sistema de quendas organizárono as confrarías e din que polo de agora están contentos.

Noutros casos, os barcos non saen ao mar por medo ao contaxio dos seus propios mariñeiros. Porque dentro das embarcacións e dos camarotes é imposible manter as distancias de seguridade.

Basilio Otero, presidente da Federación Española de Confrarías. "Houbo barcos que pararon ao principio porque as tripulacións se negaron por medo ao coller o virus e ante a imposibilidade de ter novas tripulacións o barco ten que parar".

O Goberno é partidario de que a pesca manteña a súa actividade por considerala un sector básico. Nas últimas horas, o Executivo comunicoulles ás confrarías as axudas do fondo europeo marítimo para a pesca. Subvencións para os barcos que teñan que parar, axudas ao almacenamento e á acuicultura. Pero no sector din que non chegan.

Jose Antonio González, da asociación de palangreiros."Propoñen as axudas só mentres dure o estado de alarma, ata o 10 de maio e deberían prolongarse como mínimo ata o 31 de decembro, algo que está previsto nestes fondos".

O sector está preocupado ademais polo aumento dos custos. Agora coa campaña do bocarte e trasladar as tripulacións con seguridade implica mover moitos máis coches ca antes. Tamén se preguntan que vai pasar en xullo coa campaña da nécora se os restaurantes seguen pechados.

Noticias web

24/04/2020