CRTVG

Buscar

A covid-19 marca o ritmo da liga Asobal

Publicado o 11/11/2020 20:50

Nacho Moyano, o técnico do Cangas, dábanos un dato que explica ás claras a pegada da covid-19 na Asobal: "É máis doado dicir os equipos que non tiveron paradas ou non estiveron confinados que os que si os tivemos, porque de 18, 15 estivemos confinados ou parados".

Un deses equipos afectados foi o Puente Genil, que xa xogou en Cangas esta temporada. O seu adestrador, Paco Bustos, foi un dos contaxiados: "Ese día chegou un xogador, estaba un pouco mal, sen febre sequera, e cortamos o adestramento e marchamos para a casa. A partir de aí desencadeouse todo".

O que se desencadeou foi un contaxio que o tivo ingresado no hospital dúas semanas, incluídos 10 días na UCI. "Agravouse, custábame respirar e cando te levan ao hospital e vas a planta aínda pensas que se pode curar en días, pero cando os médicos comunican que non vai a mellor e din a palabra UCI, é o peor", lembra o técnico.

Esa experiencia deixou unha pegada imborrable. "Hai veces que non queda a lembranza ou quérela borrar, pero o que queda é o medo, o medo na unidade de coidados intensivos, é o medo"

O medo segue presente e marcando o paso na liga Asobal. O Huesca-Ademar León, previsto para a tarde deste mércores, tamén se tivo que suspender.

Noticias web

11/11/2020