A COVID-19 en América: a presidenta interina de Bolivia, positivo en coronavirus

A presidenta interina de Bolivia, Jeanine Áñez, comunicou este xoves que padece a covid-19 e gardará corentena. Súmase así á lista de mandatarios que deron positivo na enfermidade. O máis recente, o presidente do Brasil.
A través dun vídeo difundido nas redes sociais, Jeanine Áñez explicou que seguirá traballando, pois séntese ben e con forzas a pesar de dar positivo nunha proba do novo coronavirus.
"Xunto con todo o meu equipo estivemos traballando polas familias bolivianas durante todo este tempo e dado que na última semana moitos deles deron positivo ao coronavirus, fixen a proba e tamén dei positivo", revelou Áñez no vídeo.
A mandataria engadiu que estará en corentena durante uns catorce días ata que faga unha nova proba para ver como se atopa entón.
Bolivia rexistra 1.577 falecidos e 42.984 positivos de COVID-19, nun país duns once millóns de habitantes, polo que está entre os países máis afectados do mundo por esta pandemia en comparación coa súa poboación e pola porcentaxe de falecidos respecto aos casos confirmados da enfermidade.
Os EUA suman outros 1.011 falecidos e un récord de 61.790 contaxios
Os Estados Unidos alcanzaron este xoves a cifra de 3.108.141 casos confirmados de COVID-19 e a de 133.106 falecidos, de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins.
Este balance, ás 20:00 hora local (00:00 GMT do venres), é de 61.790 contaxios máis que o mércores e de 1.011 novas mortes.
A cifra de novos contaxios marcou un novo récord ao superar por terceira vez en poucos días os 60.000 arrastrada polos brotes en estados do sur e do oeste como Florida, Texas, California, Arizona e Xeorxia.
México rexistra novo récord diario de casos con 7.280 contaxios
México rexistrou este xoves 7.280 casos de COVID-19 e estableceu un novo récord diario de contaxios, os cales totalizan 282.283 infeccións, cun crecemento porcentual do 2,6 % nas últimas 24 horas.
As novas infeccións reportadas nesta xornada superan as 6.995 que se rexistraron o día anterior e representan unha nova marca diaria por segundo día consecutivo.
As autoridades sanitarias reportaron 33.526 decesos desde o principio da pandemia cun aumento de 730 defuncións nas últimas 24 horas, o 2,2 % de incremento porcentual nun día, ademais de 2.283 mortes sospeitosas que teñen resultado pendente.
A pandemia desborda Colombia con 5.335 contaxiados e 187 mortos nun día
A pandemia de coronavirus agravouse este xoves en Colombia, que tivo o seu peor día desde que se detectou o primeiro caso no país, hai catro meses, ao rexistrar 5.335 novos contaxiados e 187 mortos, informou o Ministerio de Saúde.
O dobre récord diario elevou a 133.973 o total de infectados, mentres que os falecidos suman xa 4.714, con especial agravamento da situación en Bogotá e os departamentos caribeños de Córdoba e Sucre.
Do total de contaxiados, 56.272 persoas (42 %) recuperáronse e 72.716 casos permanecen activos, que equivalen ao 54,2 % e sitúan a Colombia entre os primeiros dez países do mundo neste indicador.
O Brasil engade 1.220 mortos e achégase aos 70.000 falecidos
O Brasil, na actualidade o segundo país máis afectado do mundo pola pandemia do novo coronavirus despois dos Estados Unidos, sumou 1.220 mortos pola COVID-19 nas últimas 24 horas, e con iso o balance total de falecidos ascendeu ata os 69.184, segundo informou este luns o Goberno.
O número de contaxios é de 1.755.779, tras rexistrarse 42.619 novos casos confirmados, informa o boletín diario divulgado polo Ministerio de Saúde.
A taxa de mortalidade no país é de 32,9 decesos por cada 100.000 habitantes. Ademais, as autoridades sanitarias brasileiras investigan outras 4.077 mortes que poderían ser causadas polo patóxeno.
Mentres, o presidente brasileiro, Jair Bolsonaro, mesmo illado no Palacio da Alvorada tras contraer a covid-19, pediu este xoves a gobernadores e alcaldes que reabran o comercio e normalicen as actividades para evitar unha traxedia peor que a causada pola pandemia.
"Espero que alcaldes e gobernadores, responsables como son, comecen a abrir o comercio o máis rápido posible, porque, en caso contrario, os problemas van agravarse, e moito, no Brasil", afirmou o líder ultradereitista na súa tradicional transmisión en vivo polas redes sociais dos xoves.
A Arxentina supera os 90.000 casos de coronavirus tras novo récord diario
A Arxentina rexistrou este xoves un novo récord diario de positivos de coronavirus, 3.663, que levaron a 90.693 o total de contaxios desde a irrupción da pandemia no país austral.
O Ministerio de Saúde informou de 26 novos falecementos nas últimas 24 horas, que elevaron o número de decesos a 1.720.
Os decesos reportados corresponden a 16 homes, nove mulleres e unha persoa cuxo sexo non foi definido, todos de 58 a 88 anos e da cidade de Bos Aires e das provincias de Bos Aires, Chaco e Salta.