A covid-19 deixa xa máis dun millón de falecidos no mundo

Máis dun millón de persoas morreron en todo o mundo pola covid-19, segundo as cifras oficiais difundidas hoxe pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Esta cifra reflicte unicamente as mortes que se atribúen ao coronavirus desde finais do ano pasado, cando o virus circulaba xa de forma intensa na China, de onde moi pouco despois saltou a outros países.
A barreira do millón de falecementos que se superou hoxe non considera o subrexistro que existe en países onde o acceso aos tests de diagnóstico é limitado nin as mortes ocasionadas pola interrupción ou a incapacidade dos servizos sanitarios para atender enfermos crónicos ou pacientes con doenzas graves súbitas.
"Chegamos a unha cifra simbólica, pero no sentido negativo, cun millón de mortos que hai que lamentar, un por un. Ningún país está a salvo, ningún saíu completamente desta crise, pero hai sinais de esperanza sobre todo no manexo clínico dos pacientes", declarou a directora do Departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da OMS, María Neira.
A media de mortes diarias pola covid-19 situouse entre as 4.000 e 5.000 diarias nas últimas semanas, e hoxe rexistráronse 5.100. Por outra banda, os casos confirmados superan hoxe os 33,2 millóns, de acordo cos datos da OMS, con 293.000 novas contaminacións nas últimas 24 horas, o que supón un incremento diario inferior á media das últimas semanas.
Neira recoñeceu que hai países que teñen dificultades na notificación de casos e mortes, sexa porque non poden confirmar a causa dos falecementos con probas PCR ou porque as vítimas foron atendidas en lugares que non cumpren con notificar. Tamén está o medo que as familias poden ter de declarar unha morte pola covid-19, entre outras razóns polos protocolos de enterramento que esta situación impón.
Neira recoñeceu por iso que a cifra dun millón de mortes pode ser conservadora e deixa "unha mensaxe triste e dura que nos fai reflexionar sobre a necesidade dunha solidariedade e unión para loitar contra a pandemia". No continente americano os decesos superaron máis de 550.000, unha cifra que supera aos rexistrados no resto do mundo, mentres que os casos acumulados son próximos aos 16,5 millóns.
Por falecementos, Europa é a segunda rexión máis afectada do mundo, con máis de 235.000 vítimas mortais, seguida de Asia oriental e do Sur, con 113.000 mortos, dos cales 96.000 corresponden a India. A curva de casos desta última rexión segue ascendendo, con 6,8 millóns de persoas infectadas polo coronavirus, un millón máis que en Europa (5,7 millóns).
España aparece hoxe como o noveno país con máis mortes acumuladas desde o inicio da pandemia (31.411), o que implica unha diminución do ritmo diario das mesmas con respecto a días anteriores, nos que ocupaba o sexto lugar. Neira comentou que en España "a taxa de letalidade (proporción de mortes con respecto aos casos confirmados) está a baixar moito e isto é evidente". "Aínda que a situación epidemiolóxica non sexa o que podiamos esperar, se comparamos a letalidade de hoxe coa que se vía en marzo houbo un descenso importante", agregou.
Por mortes acumuladas, Estados Unidos é o que máis sufriu no mundo, con preto de 204.000, seguido do Brasil, con case 142.000. India é o país onde o incremento de vítimas mortais é maior, cunhas 7.300 mortes acumuladas na última semana, fronte a unhas 5.300 nos Estados Unidos e 4.900 no Brasil. A tendencia semanal ofrece unha mellor panorámica da curva de mortalidade pola pandemia, en que México, A Arxentina e Colombia aparecen como o cuarto, quinto e sétimo país, respectivamente, onde as mortes están a aumentar máis rápido.
No Perú, que ten o maior acumulado de mortes por cada millón de habitantes (978), o ritmo de mortes foi diminuíndo no últimos sete días, segundo os datos da OMS. Ségueno, en orde descendente e segundo unha base comparable, Bélxica, Andorra, Bolivia, España, O Brasil, Chile e Ecuador.