CRTVG

Buscar

Galicia rexistra 20 mortos nas últimas 24 horas e a cifra total ascende a 278 vítimas

Publicado o 08/04/2020 16:10

• O 38,8 por cento dos falecidos son usuarios de centros residenciais

• A idade media dos mortos en Galicia é de 81,2 anos

• Hai 5.460 persoas contaxiadas, tras contabilizarse tan só 25 novos casos

A cifra de vítimas mortais do coronavirus en Galicia é de 278 persoas, 20 máis que hai 24 horas, segundo os datos oficiais. Delas, 13 faleceron en hospitais e sete en residencias de anciáns.

O número total de casos de coronavirus en Galicia é de 5.460, segundo os datos distribuídos pola Consellería de Sanidade. Son 25 máis ca no reconto oficial de onte, o incremento máis baixo das últimas semans. 

O Sergas ofrece desde hoxe tamén a cifra de casos en centros residenciais. Nas residencias dependentes da Consellería de Política Social hai 1.115 persoas contaxiadas, o 20 por cento do total. Delas, 781 son usuarias e 334 profesionais.

Ademais, a cifra de vítimas mortais vinculadas coas residencias é de 108 persoas, un 38 por cento do número total de mortos en Galicia.

Descenden os activos nas áreas de Vigo e Pontevedra

De todas as persoas afectadas, 1.138 son da área da Coruña; 1.066, da de Vigo; 1.001, da de Ourense, 911, da área de Santiago; 566, da de Lugo; 460, da de Pontevedra, e 318, da de Ferrol. Por primeira vez decenden os casos activos nas áreas de Vigo, 32 menos ca onte, e Pontevedra, 6 menos. 

Segundo os datos do Sergas, hai 158 pacientes en UCI, catro menos ca no reconto anterior. Baixa tamén a cifra de enfermos ingresados en planta, un total de 835 fronte aos 910 que había onte. E medra o número de pacientes que permanecen no domiclio, ao pasar de 4.363 a 4.467. Hai 112 altas máis, ata un total de 800.

En canto ao número de probas realizadas, lévanse feito un total de 34.423 PCR.

Ao longo desta mañá, os falecidos son unha muller de 91 anos e un home de 83 anos que estaban ingresados no CHUO; un varón de 76 anos e outro varón de 88 anos ingresados no CHUAC, unha muller de 93 anos ingresada na Rosaleda, en Santiago, e unha muller de 80 anos ingresada no hospital de Valdeorras.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo explicou en rolda de prensa que a idade media das persoas falecidas en Galicia é de 81,2 anos. A taxa de letalidade, é dicir, de mortos en relación con contaxiados, é do 3,2 por cento (a media estatal é do 9,9%).

Outro dato destacado polo presidente da Xunta é que do total de persoas ingresadas en hospitais por coronavirus, a porcentaxe de falecementos é do 9,8% (a proporción media no Estado é do 20,6%).