A covid-19 castiga con forza o norte de Portugal
O coronavirus non dá tregua no norte de Portugal, que con 1.800 novos contaxios na última xornada segue a ser a zona do país máis castigada polo virus.
Municipios fronteirizos con Galicia como Valença e Caminha superan os 200 casos activos por cen mil habitantes.
Por iso, algúns aceptan, con resignación, que Galicia peche fronteiras co país veciño durante a ponte. "Mal, porque eu habitualmente vou mercar a Tui- explica unha muller portuguesa- porque teño familia numerosa e compénsame. Aínda que se é o que hai que facer...", conclúe.
O país atópase en estado de emerxencia ata o 8 de decembro, e as autoridades prevén prolongalo outros 15 días. Gran parte dos portugueses están sometidos ao toque de queda. Esta tarde o Goberno luso prevé presentar oficialmente o seu plan de vacinación.