CRTVG

Buscar

A UE constata que a mellor auga para o baño de España está na costa galega

Publicado o 02/06/2021 18:02

• A costa de Galicia é a zona de España con maior número de augas de baño cualificadas como excelentes pola UE

 A costa de Galicia é a zona de España con maior número de zonas de baño cualificadas como excelentes pola Axencia Europea do Medio Ambiente. De feito, as 400 zonas que gozan desta etiqueta no litoral galego case dobran as seguintes áreas con maior número de augas coa máxima consideración nos parámetros de calidade: as concas mediterráneas andaluzas (233) e as concas internas de Cataluña (214).

Así figura no informe elaborado pola Axencia Europea de Medio Ambiente (EEA, polas súas siglas en inglés) sobre a calidade das augas de baño en España, onde o 88,5% dos puntos analizados teñen a consideración de excelente, mentres que o 6,8% son 'boas', o 1,7% presentan un nivel 'suficiente' e só o 0,8%, 'pobre'. Un destes puntos coa peor cualificación no estudo sobre a calidade da auga atópase en Galicia. É o río Parga, en Guitiriz, a única zona da xeografía galega sinalada en vermello no mapa da EEA, que cualifica de 'excelente' a maior parte das áreas de baño da costa.

En total, a EEA analizou en España 2.239 augas de baño en 2020, das cales a gran maioría eran áreas costeiras (2.239 casos) e 270 era zonas de baño interiores. No exercicio recolléronse 12.171 mostras para avaliar a calidade das augas de baño españolas. En calquera caso, a calidade das augas de baño costeiras en España é superior ás das augas de baño interiores: un 94,4% das primeiras teñen unha cualificación de "excelente" no informe, mentres que no segundo caso a porcentaxe diminúe ata o 52,2%.

A nivel europeo, un 82,8% das augas de baño do bloque contan coa máxima cualificación da Axencia Europea de Medio Ambiente, mentres que un 1,3% son consideradas de mala calidade. Chipre, Austria, Grecia, Malta e Croacia son os únicos Estados membros con máis dun 95% das súas zonas de baño excelentes. O estudo da EEA analizou no conxunto da UE un total de 22.276 zonas de baño para o exercicio de 2020 e o informe inclúe Albania e Suíza, ademais de todos os países da UE.

Nun comunicado, a Comisión Europea destacou que a porcentaxe de augas de baño tanto costeiras como interiores de alta calidade estabilizouse en torno ao 85% nos últimos anos e, aínda que as zonas de baño de mala calidade "diminuíron lixeiramente", aínda "persisten problemas" para "avaliar as fontes de contaminación e implantar medidas integradas de xestión".

O comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virjinijus Sinkevicius, destacou que "a calidade das augas de baño de Europa segue sendo alta" e é "o resultado de máis de 40 anos de existencia da directiva sobre augas de baño" e de "intenso traballo de profesionais especializados e de cooperación". "A lexislación da UE non só contribuíu a aumentar a calidade xeral, senón que tamén permitiu identificar ámbitos onde é necesaria unha actuación específica", declarou pola súa banda o director executivo da EEA, Hans Bruyninckx.

Noticias web

02/06/2021