CRTVG

Buscar

A Costa da Morte convértese nun punto de referencia para gozar do mar de ardora

Publicado o 29/08/2021 14:33

 Andrés, máis coñecido nas redes como Drew Korme, é un amante da fotografía nocturna. Nunha das súas saídas para retrarar a Vía Láctea na Costa da Morte, onde vive, descubriu por vez primeira o mar de ardora.

"Cando te dedicas tanto a facer fotografía de noite cerca do mar ou tes moi mala sorte ou algún día pódeche caer que vexas o mar de ardora, como foi o caso", dinos Drew Korme.
Drew vén recollendo desde xullo fotos e vídeos deste fenómeno, resultado da concentración dun organismo mariño que emite bioluminiscencia. "Parecen efectos especiais dunha película, como alumea todo ao redor. Ves os peixes marchando, deixando o rastro de luz xusto rodeándote", explica.

Este verán, Drew aprecia un mar de ardora especialmente intenso na Costa da Morte. Cada día responde entre 50 e 60 mensaxes dos que ven os seus vídeos nas redes e queren gozar desta rareza in situ. Algunha noite, atopou a praia chea de visitantes. "Aquilo era surrealista. Creo que non había nin a metade de persoas de día nesa praia. Non había onde deixar o coche", cóntanos.

O mar de ardora é máis frecuente entre xuño e setembro e aínda que aparece sen previsión nin aviso, de ter a sorte de estar no lugar e no momento precisos, convén tamén que se dean certas condicións.  "Sen contaminación lumínica, sen lúa e que haxa algo de mar serían as mellores condicións".

Para quen queira retratar o fenómeno, Drew Korme, tamén nos fai algunhas recomendacións.
 "Para o meu gusto, que o obxetivo sexa un grande angular, e indispensable que sexa luminoso, e que a cámara traballe o mellor posible en condicións de pouca luz para ter a máxima calidade", aconsella Drew.

Este fotógrafo de ceos e mares leva polo menos unha vintena de noites case seguidas á captura de augas de luz. Confesa que, aínda que sexa só velas, engancha. "A gran maioría se o vive creo que quererán repetilo unha e outra vez. Ao final é o que me pasou a min".

Noticias web

29/08/2021