A costa caribeña de México, en alerta ante o furacán Delta
Publicado o 07/10/2020 08:48
En México viven hoxe pendentes da chegada do furacán Delta, con refachos de vento de ata 300 quilómetros por hora e chuvia intensa.
As autoridades alertaron de que é un furacán moi intenso e moi perigoso que ten un ollo duns nove quilómetros de diámetro. Está previsto que o azoute máis forte se sinta nas costas do estado de Quintana Roo, no Caribe.
Máis de 30.000 persoas foron evacuadas de Cancún e doutras localidades turísticas a lugares seguros. As previsións indican que sobre as seis da mañá, unha da tarde en Galicia, o centro do furacán chegará a Cancún.