CRTVG

Buscar

A Coruña, Vigo e Cangas únense ás homenaxes de Stop Accidentes ás vítimas de sinistralidade viaria

Publicado o 15/11/2020 09:01

Montse e Pedro son un matrimonio de Vigo que perdeu a súa filla hai nove anos nun accidente de tráfico en Portugal. A persoa que conducía o coche ía a máis velocidade da permitida e no sinistro faleceron dúas persoas.

Cada 15 de novembro conmemórase o día mundial en lembranza das vítimas de accidentes de tráfico e en Vigo gardaron un minuto de silencio e fixeron unha ofrenda floral.

A Asociación Stop Accidentes valora positivamente as novas medidas para mellorar a seguridade viaria. No que vai de ano faleceron 60 persoas nas estradas galegas en accidente de tráfico, 19 menos ca o ano pasado.

A cidade da Coruña e o municipio de Cangas tamén se unen aos actos. Na noite do domingo, iluminarase de cor laranxa a Torre de Hércules e a fonte de Catro Camiños. En Cangas do Morrazo, realízanse ofrendas florais nos monumentos en recordo das vítimas viarias. 

A asociación denuncia que os accidentes de tráfico deixan cada ano máis de 1.355 millóns falecidos e preto de 50 millóns de feridos no mundo.

Durante o 2019, en España, 1.383 persoas deixaron a súa vida nas estradas e 6.534 persoas resultaron feridas graves, segundo a asociación.