CRTVG

Buscar

A Coruña prohibe fogueiras na vía pública e música en vivo no San Xoán

Publicado o 17/06/2020 15:14

O Concello da Coruña trasladou este martes aos hostaleiros da cidade que quedarán prohibidas as fogueiras na vía pública e a música en vivo no San Xoan, pero permitiranse as churrascadas ou sardiñadas con previa autorización.

Estas medidas únense á xa coñecida prohibición de acceder ás praias a partir das nove da noite do 23 de xuño polo coronavirus, nunha festa habitualmente multitudinaria, con especial afluencia nos areais de Orzán e Riazor.

Nun comunicado, o Goberno local indicou que a alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta tarde cos representantes das asociacións veciñais e de hostalería de toda a cidade para trasladarlles a decisión do Goberno municipal en relación coa celebración do San Xoán na Coruña, que é Festa de Interese Turístico Internacional.

No encontro, a alcaldesa informou da prohibición de facer fogueiras non só nos areais, senón tamén en todo o termo municipal e manifestou que todos deben asumir que este ano o San Xoán "será diferente" aos demais. Para iso, apelou á responsabilidade individual e colectiva para evitar condutas que poñan en risco a saúde da veciñanza.

O día 23 de xuño permitirase a realización de sardiñadas, churrascadas ou similares nos espazos solicitados polos locais e persoas particulares para a ocupación de vía pública. Só poderán facerse desde as 13.00 ás 16.00 horas e das 20.00 ás 00.00 horas. Para iso, as persoas solicitantes deberán presentar unha declaración responsable polo menos 24 horas antes do día 23.

Neste aspecto, Seguridade Cidadá vixiará durante toda a xornada o cumprimento do acordado pola Xunta de Galicia sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria.