A Coruña proba un autobús eléctrico para mellorar a sostibilidade do transporte urbano
Quen subía este mércores ao bus número 6 do transporte urbano da Coruña xa notaba o cambio. Un vehículo branco por fóra, pero a maior diferenza nótase no interior. "É máis silencioso", dicía unha usuaria. "Moito máis cómodo", engadía un universitario que usa a diario esta liña.
Pero ademais de evitar a contaminación acústica, este autobús non emite CO2, en liña co obxectivo da Unión Europea de reducir en máis dun 50 por cento as emisións para o ano 2030. Os responsables do transporte urbano da Coruña elixiron, para iniciar este ensaio, unha das liñas que atravesa o centro da cidade, con moita afluencia diaria de usuarios e con ata 20 paradas, porque o que se pretende é probar, sobre todo, se as baterías aguantan ben as máis de 16 horas de traballo diario necesarias.
José Ignacio Prada, director da Compañía de Tranvías da Coruña, explica que "precisan esa autonomía e que sexa continuada no tempo, porque estas baterías degrádanse ao igual que lles pasa ás dos móbiles". Na mellora desas baterías radica o futuro da mobilidade sustentable. Na actualidade, o prezo destes vehículos rolda o medio millón de euros, o dobre que o dun autobús de gasóleo. A cambio, ademais de ser ambientalmente máis sostible, o consumo e o mantemento supoñen un importante aforro.