A Coruña, Bergondo e Culleredo non poden ampliar a súa ocupación na hostalería
Lixeiro alivio para a hostalería de case toda a área da Coruña. Amplían o horario de peche ata as nove da noite. Tamén amplían a ocupación ata o 50 por cento no interior e o 75 por cento no exterior, cun máximo de 4 e 6 persoas, respectivamente, agás na Coruña, Bergondo e Culleredo.
En Arteixo, que segue en nivel alto de restricións, o consumo só está permitido nas terradas ao 50 por cento.
Hoxe hai 36 casos activos menos e tamén 7 hospitalizados menos en planta. Porén na UCI hai 20 enfermos críticos, un máis que onte. Datos que seguen preocupando. Así que para frear a transmisión do virus, na Coruña segue o cribado masivo mediante o test de saliva cun pequeno aumento de participación.
Un cribado similar ao que vai comezar esta tarde nas dez farmacias do concello de Arteixo. Amais, o municipio de Arteixo recupera a mobilidade con case toda Galicia.