CRTVG

Buscar

A Coruña, a última cidade de Galicia que entra en nivel máximo de alerta pola covid−19

Publicado o 26/10/2020 16:24

Con 96 casos confirmados por PCR nas últimas horas, A Coruña é a última cidade que sobe un chanzo no nivel de alerta. Colócase en vermello a carón do resto das grandes cidades galegas.

A cidade resistía nas últimas semanas mentres o resto das grandes cidades galegas estaban xa en vermello, pero hoxe entra tamén nese nivel máximo de alerta ao chegar aos máis de 276 casos activos.

Municipios da área metropolitana, como Arteixo, A Laracha, Cambre ou Oleiros, mantéñense tamén neste nivel máximo en que xa estaban hai uns días. 

En total, na área sanitaria case 1.200 casos activos e 80 persoas hospitalizadas, dez máis ca onte, das que nove están en UCI.

Así, tras dunha semana cunha liña ascendente no número de casos, A Coruña súmase ao resto das grandes cidades de Galicia en alerta vermella por coronavirus.

Canda A Coruña, tamén o concello de Cambre entra no nivel de alerta máximo. Únense así a Oleiros e Arteixo, con case toda a área metropolitana en vermello. 

Ante estas cifras, e en previsión de futuras necesidades, o CHUAC habilitou unha nova ala do hospital para atención á covid−19.

A situación é ben distinta en Santiago, onde as medidas adoptadas comezan a dar resultados e suman xa dous días de descenso no número de casos, 83 nas últimas 24 horas.

Continúan os cribados selectivos. É o caso da zona nova, que se amplía agora a toda a poboación entre 19 e 39 anos.

O control sobre as festas en pisos conseguiu reducir as denuncias, que pasan de arredor de 60 a 15 en dúas semanas.

Noticias web

26/10/2020