Anova analiza os malos resultados electorais e prepara un debate político profundo
Anova celebrou este sábado a súa coordinadora nacional e analizaron os resultados electorais municipais, que cualificaron de "negativos". Valoraron que a fragmentación do seu espazo político e as crises internas foron elementos que condicionaron estes resultados ademais doutros factores externos.
O seu portavoz nacional, Antón Sánchez, insistiu en que é necesario un debate político profundo para comezar unha nova etapa. Asegurou que o obxectivo vai máis aló de preparar unha alternativa electoral con vistas ás próximas autonómicas. Para a semana analizarase tamén a situación dentro do grupo parlamentario.
"Nós queremos dar un debate reflexivo e sen estridencias, pero é evidente que aquí despois deste ciclo electoral de eleccións xerais e municipais evidentemente a situación do espazo cambia e iso debe levarnos a todo o mundo a reflexionar".