CRTVG

Buscar

A convocatoria de eleccións xerais racha coa coalición de partidos de En Marea

Publicado o 16/02/2019 16:22

En Marea concorrerá ás eleccións xerais como partido

• Anova, EU e Podemos Galicia buscan a fórmula para reeditar o pacto electoral 

Oficialízase o divorcio de En Marea. A convocatoria de eleccións xerais foi o detonante e non se vai repetir a coalición de partidos baixo o paraugas de En Marea. Anova, Esquerda Unida e Unidos Podemos rachan co partido instrumental e buscan a fórmula para concorrer aos vindeiros comicios.

Todo apunta cara a unha coalición, pero haberá que agardar para ver cal é a formula definitiva desa candidatura de unidade popular. Luis Villares e os seus afíns quedan coa marca, co nome de En Marea. Hoxe o líder de En Marea non quería asumir ese divorcio.

O partido instrumental que lidera Luis Villares vai presentarse como formación propia, mentres que as organizacións que conformaron a coalición electoral nos comicios anteriores traballan na reedición desa alianza. Anova facía hoxe un chamamento á unidade, deixando fóra a En Marea. Asegura que impulsará unha candidatura de unidade popular afastada do partido instrumental.

Desde Esquerda Unida, Eva Solla tamen confirmaba eses contactos entre forzas irmáns. A marca En Marea está rexistrada no Ministerio de Interior como partido político a nome de persoas afíns a Luís Villares. 

 

Noticias web

16/02/2019