CRTVG

Buscar

A contorna de Diego Bello acusa a policía filipina de tirotealo

Publicado o 09/01/2020 13:23

A familia de Diego Bello, o mozo galego morto a tiros nas Filipinas, está á espera da repatriación do corpo, que aínda non ten data. No lugar de Uxes, onde vive parte da súa familia, poucos poden crer a noticia. Os familiares din que as acusacións de tráfico de drogas son falsas. 

A familia é orixinaria deste lugar de Uxes, en Arteixo. Aquí aínda vive o avó do falecido e unha tía. Os familiares defenden a súa inocencia e aseguran que nunca estivo vinculado co mundo da droga. Diego Bello Lafuente, de 32 anos, morreu tiroteado na porta da súa casa en Siargao, unha illa a 800 quilómetros de Manila.

Segundo a policía, seguírono despois dun intercambio de cartos e cocaína, e cando se achegaron a el, sempre segundo a versión policial, sacou unha pistola do calibre 45 e empezou a disparar. Supostamente, tiña no seu poder dez gramos de cocaína. Despois do tiroteo levaron a Diego a un hospital, onde certificaron a súa morte.

A tenda que teñen seu pais no centro de Santiago está pechada. A contorna defende a inocencia de Diego e non cre na versión da policía. Actualmente, o galego falecido rexentaba un hostal, unha tenda de surf e un bar de copas, que abrira hai tres meses con outro socio español.

Bello, vinculado ao mundo do surf, viaxou ás Filipinas hai dous anos e quedou a vivir despois de coñecer a súa actual noiva, orixinaria de Manila. Aseguran que o falecido tampouco consumía cocaína e consideran que foi asasinado porque non atendeu á extorsión da policía filipina, unha chantaxe policial relacionada co éxito dos seus negocios.

Noticias web

09/01/2020