A consulta de Podemos crispa os socialistas unha semana antes da investidura
Queda unha semana para que Sánchez se enfronte no hemiciclo do Congreso á primeira sesión do pleno da investidura. Votarase o 23 e de novo o 25 se, como todo indica, a investidura non prospera á primeira.
As voces do PSOE son unánimes ao expresar a súa preferencia por un goberno monocolor e a posición non varía, polo menos de momento, malia o anuncio da consulta de Podemos ás súas bases.
Os socialistas insisten en poñer por diante os contidos: "Cando un vai en serio vai cos contidos, que é o que importa. Mire, á xente o que lle preocupa é se imos poder acadar no Pacto de Toledo a garantía das pensións e a súa blindaxe na constitución como prometeu o presidente; se imos ir máis aló, porque fai falla, co tema da vivenda no noso país porque é gravísimo para a xente nova". dixo Carmen Calvo, a vicepresidenta do Goberno en funcións.
E desde Podemos defenden a consulta, aberta ata o venres. Tamén das voces internas como Teresa Rodríguez e Ramón Espinar, que a cualificaron como un insulta á intelixencia. A líder andaluza, e o resto do sector dos anticapitalistas, amosaron a súa preferencia por non entrar no goberno e optar por un pacto programático para que o PSOE non quede sen oposición desde a esquerda. A dirección defende a redacción das preguntas.
"Son sinceras, son honestas e están a poñer sobre a mesa as dúas posibilidades reais que hai", explicou o voceiro parlamentario, Alberto Rodríguez.
Para pablo Echenique, á fronte das negociacións, non hai "nin trampa nin cartón. Esta decisión non a imos tomar un puñado de persoas, nin os dirixentes e os cargos públicos de Podemos", afirma.
No medio dunha batalla por non aparecer nos medios como responsables da falta de acordo, PSOE e Podemos poñen a vista en setembro, aínda que a posibilidade desta segunda volta depende do Rei. A repetición electoral beneficiaría o PSOE, segundo as enquisas, pero os mesmos estudos demoscópicos lembran que faltan catro meses para novembro e que a baixada na participación xunto coa eventual irrupción do partido de Errejón podería dar máis opcións á dereita.