A construción necesita 700.000 traballadores para executar os proxectos ligados aos fondos europeos
Os perfís en que o sector non encontra recambios son variados e as empresas afrontan o reto de atraer mozos, mulleres e novos profesionais. A patronal da construción estima en 700.000 os traballadores a maiores que necesitará o sector para executar os fondos europeos Next Generation que cheguen a España.
"Temos unha importante preocupación porque certamente o sector necesita esa man de obra e necesítaa de maneira urxente, e cremos que nos van facer falta traballadores para poder desenvolver todos os proxectos que estamos comprometendo".
Segundo os cálculos do sector, 7 de cada 10 euros deses fondos están vinculados directa ou indirectamente a proxectos construtivos. O reto, atraer mozos, mulleres e novos profesionais, ofrecendo mellores condicións salariais e laborais e un futuro profesional.
"En Galicia, a carreira profesional dun traballador no sector da construción está ben remunerada, e ademais os horarios están perfectamente taxados polos convenios, co que os períodos de descanso están perfectamente determinados".
Os perfís profesionais en que a construción é deficitaria abranguen tanto oficios antigos como os máis recentes ligados ás novas formas de enerxía.
Desde soldadores e pintores a operarios en liñas de produción e de mecanizado. "Non creo que sexa un problema salarial, senón penso que é un problema máis da cualificación e dese proceso que a xente non tivo na formación, na aprendizaxe, para poder ter unha cualificación no seu oficio".
Para corrixir esta situación, a patronal da construción pídelle ao Goberno que inclúa na reforma da Formación Profesional un plan específico de certificacións para o sector.