A conselleira do Mar, primeira representante do Goberno galego en vacinarse
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recibiu este venres a dose de AstraZeneca que lle corresponde por idade, coa que xa quedou inmunizada por superar tamén a infección recentemente. Tras a picada e o tempo regulamentario de espera por se causa reacción, dirixiuse á poboación a través dos medios de comunicación para animar a acudir á vacinación cando sexa chamada.
No plano profesional, manifestou a súa preocupación polas declaracións da ministra de Sanidade, Carolina Darias, en referencia a que os mariñeiros serán vacinados cando lles toque por idade e esixiu un cambio de opinión e que se lle dea luz verde ao Instituto Social da Mariña para que proceda á inmunización deste colectivo. Respecto diso, advertiu de que non vai ser un problema de "subministración" e que a propia Xunta está disposta a enviar ao ISM as vacinas necesarias para completar esta acción.