CRTVG

Buscar

A Xunta di que tomará "as medidas necesarias" se ve irregularidades en residencias

Publicado o 03/04/2020 15:03

A Xunta tomará as medidas necesarias se detecta irregularidades nas residencias. Anunciouno a conselleira de Política Social na comparencia na Deputación Permanente para dar conta da situación nos centros de maiores. Fabiola García destacou a anticipación da Xunta na toma de medidas, un adianto que cuestionaron os partidos da oposición, que ademais criticaron a falta de recursos e a privatización. Desde o Partido Popular recordan que o modelo de atención aos anciáns foi aprobado polo goberno bipartito.

"O vicepresidente de Dereitos Sociais informou a todas as comunidades de que o exército acudiría ao rescate de todas aquelas residencias con dificultades. Dous días despois dixo que non, que, finalmente, o exército limitaríase a desinfectar, que non era ao que se comprometeu. Quedou claro que as residencias tan só son cousa da Xunta porque a colaboración co Goberno foi cero", di Fabiola García, conselleira de Política Social.

"Fronte ao modelo público de servizo, o modelo privado que dá beneficio. Fronte aos dereitos sociais garantidos polos poderes públicos, os modelos de beneficiencia", asegura Davide Rodríguez, do Grupo Mixto.

"Demandámoslles insistentemente intervir todas as residencias de Galicia por afectar ao grupo de maior risco de contaxio e taxa de mortalidade. Vostedes non tiveron ningunha présa en poñelas en marcha", afirma Montse Prado, do BNG.

"Veneración aos maiores. Menos palabrería e máis recursos públicos. Aquí vai haber un antes e un despois da crise do coronavirus na atención aos maiores. E ten que habelo. Non pode ser que o negocio estea por riba do benestar das persoas", di Antón Sánchez do Grupo Común da Esquerda.

"Parécenos dunha frivolidade clara que a conselleira de Política Social cando fala das residencias veña e diga en sede parlamentaria que o coronavirus non pregunta antes de entrar. Trasladen información, tomen medidas e fagan un plan extra de persoal para os servizos sociais", afirma Gonzalo Caballero, do PSdeG.

"É certo que a Xunta fixo cousas e fíxoas antes que o Goberno de España. Vostedes esquecen que o modelo de benestar e atención ás persoas maiores e discapacitadas é dunha lei que aprobou o goberno de esquerdas de Galicia, o bipartito, nomeadamente o BNG que levaba a vicepresidencia. Evidentemente non houbo recortes neste ámbito de residencias. Pasamos de ter 5.500 prazas públicas en 2009 a 7.900" di Pedro Puy, do PPdeG.

 

 

Noticias web

03/04/2020