CRTVG

Buscar

A conselleira de Educación insiste nun comezo de curso puntual e presencial

Publicado o 25/08/2020 14:18

Pendente da conferencia sectorial de Educación, que terá lugar o próximo xoves, a conselleira Carmen Pomar insiste en que o plan da Xunta é comezar as clases o día 10 de setembro e de xeito presencial. Fixo estas declaracións durante a visita ás obras do futuro Centro Galego de Innovación da FP, que se está construíndo en Ourense.

Con atraso por mor da pandemia, o futuro Centro Galego de Innovación da FP vai collendo forma, para estar operativo ao longo do vindeiro curso. Será, segundo asegurou a conselleira Carmen Pomar, un centro de referencia en investigación e tecnoloxía, cunha superficie de 2.600 metros cadrados e un investimento de case dez millóns de euros, froito da colaboración coa Deputación Provincial.

Durante a visita ás obras, Pomar ratificou o compromiso da Xunta cun comezo presencial e puntual do curso escolar. Subliñou, iso si, que o protocolo é flexible, ao estar supeditado ás circunstancias sanitarias.

Carmen Pomar, conselleira de Educación: "Insisto en que van ser as circustancias sanitarias e as autoridades sanitarias as que nos vaian marcando esa folla de ruta. Nun principio, se as circunstancias o permiten, as clases serán presenciais e botarán a andar, para infantil e primaria, o día dez de setembro".

Pendentes tamén, dixo, da Conferencia Sectorial de Educación convocada para o xoves e que, nesta ocasión, será conxunta con Sanidade.

Noticias web

25/08/2020