CRTVG

Buscar

A confraría de Noia sobe a cota da ameixa xapónica ata os 10 quilos

Publicado o 13/10/2020 14:52

A praia de Testal, en Noia, volve de forma progresiva á normalidade no marisqueo, acompañada de boas noticias para os traballadores.

Os colectivos de profesionais que traballan os areais noieses levaban semanas reclamando o incremento da cota da ameixa xapónica polas grandes cantidades que hai e do prezo ao que se está pagando e dende hoxe xa é posible.

A confraría de Noia aumenta a cota ata os 10 quilos por persoa. A pesar deste pequeno incremento na cantidade dispoñible para a recollida, os mariscadores non están de todo satisfeitos.

Este ano o berberecho, que é o que dá sustento á maioría deles, está escaseando moito en comparación con anos anteriores. 

A intención por parte do cabido é manter estas cotas toda a semana antes de que o día 19 comece a campaña nas concesións de libre marisqueo, pero todo dependerá da cotización das próximas xornadas, que determinará se se mantén o tope ou se pola contra se ten que baixar. 

 

Noticias web

13/10/2020