CRTVG

Buscar

A confraría de Noia decidirá o inicio da campaña en base a 80 mostraxes na ría

Publicado o 27/08/2020 15:34

Barállase a data do 14 ou o 28 de setembro. O informe da bióloga estima a poboación actual de ameixas e berberechos nunha superficie de 3,5 millóns de metros cadrados

Esta é unha das 80 mostraxes que a bióloga da Confraría de Noia analiza para coñecer o estado dos bancos marisqueiros. Apañouse o luns na zona do Cuncheiro, unha das máis produtivas. Escóllense as distintas ameixas e o berberecho e mídense co calibre. En total, serán cerca de 25.000 rexistros estatísticos representantivos da superficie produtiva dos bancos: 3 millóns e medio de metros cadrados.

"O que che dá é unha estima de como está a poboación actualmente e saber o que hai para a campaña. É moi importante ter un histórico. Comparar con anos anteriores. Iso é o que che dá unha idea do estado da poboación", comenta Liliana Solís, bióloga da confraría de Noia.

As mostraxes fanse de forma sistemática, en cuadrícula, cada 125 metros. Chama a atención a cantidade de cría que hai.

"O ano pasado non houbo boas desovas. Este ano son tremendas. Senón pasa nada, riadas ou cousas así, será moi boa campaña", comenta Santiago Cruz, patrón maior da confraría.

Depredadores e algas

Nas mostras tamén se analizan as especies acompañantes. Depredadores como a cornicha ou o cangrexo que amosan o estado de saúde do banco marisqueiro. 

"No verán este ano tivemos moito traballo coas algas. Estivo o barco da confraría e as mariscadoras a pé quitándoas", di Santiago Cruz.

Cada semana sacan arredor de tonelada e media de depredadores e algas. Agora, en Noia xa están pendentes da decisión da Confraría para empezar a campaña marisqueira.

Noticias web

27/08/2020