CRTVG

Buscar

A confraría de Lourizán pide a reparación da pasarela sobre a autovía de Marín

Publicado o 11/09/2019 13:07

É a pasarela sobre a autovía de Marín que comunica a zona de Lourizán cos Praceres. Os principais usuarios, pero non os únicos, son os socios da confraría de pescadores de Lourizán: mariscadoras e mariscadores que teñen que atravesar a autovía para traballar.

M. Carmen Vázquez, patroa maior de Lourizán: "É unha pasarela que está ao lado do mar. Ten corrosión, podremia. O problema é que se levantan as puntas e hai perigo de tropezar, caer e cravarse. Ademais, hai táboas que están sen puntas. Seguimos facendo escritos, mandando fotos".

A esta infraestrutura de madeira fáltalle mantemento. Os usuarios considérana perigosa sobre todo cando chove porque co lime está moi esvaradía. A patroa maior de Lourizán di que leva máis dun ano avisando o Ministerio de Fomento da situación de deterioración en que está. 

M. Carmen Vázquez, patroa maior de Lourizán: "Mandei a primeiros de setembro o seguinte e seguirei mandando. Logo irei acurtando os prazos a 15 días, unha semana. Esperando a que non pase nada. O grave é que hai táboas soltas no alto e por debaixo está todo podre".

Pide respostas e que se actúe para evitar outro sinistro como o acontecido o ano pasado no Marisquiño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019