CRTVG

Buscar

A confraría de Barallobre busca alternativas para paliar a escaseza de ameixa

Publicado o 08/01/2020 14:10

A confraría de Barallobre alerta da perda de produtividade do banco marisqueiro das Pías, o principal da ría de Ferrol. Desde hai catro anos van a menos as capturas das distintas especies de ameixa e do marolo, tamén coñecido como carneiro. De 2018 ao 2019, reducíronse á metade. A campaña de Nadal veu confirmar este problema de capturas e, por tanto, de vendas. 

Jorge López Pena, patrón maior de Barallobre: "A campaña de Nadal para esta confraría de pescadores foi a peor en moitos anos. Eu levo no mar desde o 98 e é a peor que acordo. Antes podiamos vender 300 ou 400 quilos ao día, chegamos a vender 600 quilos de ameixa babosa. Neste Nadal o día que máis vendimos foi 90 quilos". 

A crise reflíctese tamén no número de socios da confraría. Hai uns 150. O patrón maior cre que este ano perderán 15. Para paliar as perdas queren introducir novas especies como o cangrexo e as algas, e ampliar as de zamburiñas no plan de explotación deste ano que debe aprobar a Consellería do Mar. Teñen pedida unha reunión desde setembro. 

Jorge López Pena, patrón maior de Barallobre: "O problema é que isto vai lento e non se están buscando solucións. O enfermo terminará por morrer e isto acabouse. Era a ría máis rica de Galicia e hoxe é a máis pobre, e queda sen xente. Entendemos que hai que facer algo xa". 

Considera necesaria a implicación da Administración galega para identificar as causas da baixa produtividade dos bancos marisqueiros e tamén nos labores de limpeza e mellora da ría.

Noticias web

08/01/2020