CRTVG

Buscar

A confraría da Coruña sementa no porto de Suevos 35.000 crías de ourizo

Publicado o 23/07/2021 21:33

 Mariscadores da confraría da Coruña sementan crías de ourizo de aproximadamente centímetro e medio. Fano nunha zona de Suevos que os científicos consideraron axeitada. Non os tiran, póusanos no fondo para lles evitar estrés e garantir que quedan ben.

O cultivo dos ouriciños realizouno en Sada unha empresa do grupo Portomuíños. Foron anos de investigación ata completar o proceso, pero conseguiron ser os primeiros en acadar este volume.

Desde que eran larvas ata acadar o tamaño mínimo para levalos ao mar pasaron entre seis meses e un ano. Os ourizos tardan en medrar. O ourizo multiplicou o prezo nos últimos anos e converteuse nun recurso de gran valor. Pero precisamente o que tarda en medrar obriga a ter moito coidado con el.

Con esta iniciativa, os profesionais da Coruña buscan mellorar a sostibilidade. O verán pasado xa fixeron unha pequena sementeira piloto con magníficos resultados. No sur, a confraría de Cangas desenvolve un proxecto parecido a este coa Universidade de Vigo.

Noticias web

23/07/2021