CRTVG

Buscar

A conexión galega de John Goodenough, premio Nobel de Química

Publicado o 09/10/2019 21:23

Moi feliz e sorprendido. Así recibía o Premio Nobel de Química John Goodenough, un dos creadores das baterías de litio. Un elemento que cambiou as nosas vidas.

"Trátase dun Premio Nobel que case todo o mundo leva no seu peto, porque todos temos un teléfono móbil. O traballo de Goodenough fixo posible a batería que fai que elementos como o móbil sexan portables", explica Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago.

Teléfonos móbiles e tamén tabletas, ordenadores portátiles ou os coches eléctricos non serían o que son sen a achega deste científico que, ademais, ten unha forte vinculación galega. É doutor honoris causa pola Universidade de Santiago, onde impartiu clases e traballou man a man con varios investigadores. Francisco Rivadulla é un deles.

"Sempre digo que tiven a sorte de traballar nun laboratorio onde Goodenough estaba sempre coa porta aberta e se ti non ías onda el ensinarlle os resultados, el viña onda ti. Xa hai uns anos que bromeaba con el, dicíndolle que lle ía tocar o Premio Nobel. El sempre dicía sempre que non tiña esperanza porque era demasiado vello para que llo desen", conta Francisco Rivadulla, profesor de Química na Universidade de Santiago.

Aos seus 97 anos, John Goodehough convértese na persoa de máis idade en recibir un Premio Nobel.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2019