CRTVG

Buscar

A coñecida como lei Celaá nace sen consenso e rodeada de polémica

Publicado o 22/11/2020 16:49

Esta semana o Congreso aprobou a nova lei de educación con só un voto por encima da maioría absoluta. Votaron en contra 148 deputados, entre eles os do PP, Vox e Ciudadanos. Houbo 17 abstencións; unha, a do BNG.

A coñecida como lei Celaá nace sen consenso e rodeada de polémica. Segundo recolle o texto, o castelán deixa de ser lingua vehicular. Esta era unha das reivindicacións de Esquerra a cambio do seu apoio aos orzamentos.

A norma tamén impón limitacións á educación concertada, o que está ocasionando concentracións de protesta. Desaparece a demanda social, e redúcense así as posibilidades dos pais de elixiren un centro concertado fronte a un público.

Ademais, a LOMLOE elimina as repeticións de curso, déixaas como algo excepcional. Non haberá reválidas, senón avaliacións informativas, e a relixión deixa de contar para a nota media.

O texto modifica a educación especial. Sinala que en dez anos os centros deben contar cos recursos suficientes para atender os estudantes con discapacidades.

A lei Celaá será debatida agora no Senado. Cando remate o trámite parlamentario converterase na oitava lei educativa da democracia.

Noticias web

22/11/2020