CRTVG

Buscar

A condutora que guiaba un bus escolar co carné retirado enfróntase a unha condena de prisión

Publicado o 02/12/2020 14:09

Ao IES de Ordes chegaba esta mañá o microbús que transporta preto de vinte escolares da zona de Tordoia. Ao volante, hoxe vén chofer distinto a onte, porque a Garda Civil presentou ante a xuíza a condutora que este martes traia os escolares ao detectar que tiña retirado o permiso de condución.

Foi no transcurso da operación de control do transporte escolar en marcha e anunciada desde o luns. Ao velo, a chofer tentou eludir o control e, ao non poder evitalo, pretendeu facerse pasar por outra persoa.

Héctor Teixeira, garda civil integrante da patrulla que a detivo, explica que "a condutora, sabendo que non podía conducir non parou onde está a parada. Fíxoo noutra rúa. Mentres faciamos a inspección, requirimos á condutora e verificamos que en principio nos daba os datos doutras persoas, que era unha persoa sen permido de condución porque perdera a totalidade dos puntos por diversas infraccións. Dáse a circunstancia de que non é a primeira vez que esta condutora era sorprendida, noutras ocsións con turismos e neste caso cun vehículo de transporte de viaxeiros".

A condutora deunciada xa ten cita para xuízo rápido a mediados de mes, en Ordes.

O garda civil Teixeira di que o microbús incorría en "diferentes infraccións de corte administrativo relativas ao cumprimento da normativa de transportes. Respecto á condutora, enfróntase a un delito contra a seguridade viaria, foi posta a disposición xudicial e celebrarase un xuízo rápido nestes días en que se enfronta a unha condena posiblemente, segundo ela mesmo nos dixo, de cárcere xa que é reincidente neste tipo de delitos".

Estamos ante un feito moi vistoso, pola gravidade, pero illado, segundo lembra a Garda Civil: "Este é un caso excepcional, porque a maioría do transporte en xeral e o de menores é seguro e garantimos que se cumpre a normativa".

Ante iso apelan á tranquilidade de nais e pais que dependen do transporte escolar para que os seus cativos acudan ao colexio.

Noticias web

02/12/2020