CRTVG

Buscar

A condena para o Chicle polo caso de Boiro ratifica a tese da familia de Diana Quer

Publicado o 01/05/2019 14:30

A condena para o Chicle polo caso de Boiro ratifica a tese da familia de Diana Quer, que sempre defendeu que José Enrique Abuín é un depredador sexual cun modus operandi claro, que executou con Diana e viu frustrado coa moza de Boiro. O Chicle acudirá ao xuízo polo crime de Diana Quer cunha sentenza condenatoria previa por detención ilegal e agresión sexual.

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña condena a José Enrique Abuín a cinco anos e un mes de cárcere polo intento de rapto dunha moza en Boiro. Ocorreu na noite de Nadal de 2017.
O tribunal considérao culpable dun delito de detención ilegal, lesións e tentativa de agresión sexual.
A sentenza dá por probado que o Chicle tentou meter a moza no maleteiro para levala a outro lugar e agredila sexualmente.

Ten claro o xuíz que o móbil non era o roubo, xa que rexeitou o diñeiro que lle ofrecía a rapaza, e que só quería coller o móbil da vítima para que non puidese pedir axuda.


"O móbil non. Por favor, douche o diñeiro pero o móbil non.
-Tes tarxeta?
Non, non teño tarxeta pero teño 20 euros. Por favor, por favor, por favor....
-Se segues berrando córtote. Métete no coche e dáme o móbil".

O tribunal atribúe á "enteireza da vítima" e á axuda dos dous mozos que acudiron no seu auxilioque o acusado fuxira do lugar do crime sen lograr o seu obxectivo.

"Só pensaba: intenta saír de aquí porque como peche o maleteiro non saes máis.
- Intentou pechar o maleteiro?
Houbo un momento que eu creo que si, que intentou pechalo".

Ademais de ir a prisión, o Chicle terá que indemnizar a vítima con máis de 11.000 euros; ao Sergas, con máis de mil, e, ademais, deberá custear o tratamento psicolóxico que precise a moza agredida.

Na sentenza tamén hai unha reprimenda do xuíz ao fiscal. Lémbralle que só se xulgaba o Chicle polo intento de rapto de Boiro, e non polo crime de Diana Quer. O ministerio público introduciu no seu escrito referencias ao crime da moza madrileña en varias ocasións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/05/2019