CRTVG

Buscar

Atopan con vida o desaparecido en Alacante arrastrado pola auga cando ía nun quad

Publicado o 16/09/2019 13:25

A Garda Civil encontra na localidade de Daya Nova o home que foi arrastrado pola auga cando circulaba nun quad.

Ao parecer, o home circulaba nun quad nunha zona en que está prohibido o paso polos efectos da gota fría e, de repente, a auga levouno por diante, segundo comunicou un veciño que viu o suceso e deu o sinal de alarma.

A Comunidade Valenciana, Murcia e Andalucía recupéranse da gota fría.

As comunidades do sueste peninsular vanse recuperando dos numerosos estragos que deixou a DANA. Na localidade alacantina de Dolores buscan un holandés de 66 anos que caeu nun rego. Os estragos na horta murciana, nas infraestruturas e nas vivendas son millonarios. En Andalucía, máis de cen municipios quedaron anegados. 

A Vega Baja do Segura, ao sur de Alacante, foi a máis danada pola gota fría. Máis de 4.000 persoas tiveron que ser evacuadas nesta comarca. Alí traballan os efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil na busca dun home de 66 anos que se cre que caeu nun rego mentres paseaba.

Nas últimas horas o tempo melloraba, pero o risco de riadas aínda segue. Onte producíase unha nova rotura no ribazo do Segura. Así que seguían as evacuacións en Almoradí ou Dolores, localidades totalmente anegadas e sen auga potable nin luz.

"Marchamos por precaución porque o río pode volver desbordar", conta este veciño de Almoradí.

Tamén foron evacuados dous cámpings, un deles con 1.500 persoas. Continúan efectuándose rescates de veciños illados, aos que se chega en helicóptero ou en lancha ou kaiak.

Na rexión de Murcia, os efectos da gota fría tamén son visibles. Municipios como Los Alcáceres, San Pedro del Pinatar ou Cieza quedaron totalmente anegados e a lama estragou casas e negocios. Unha situación que xa viviran en 2016.

Milleiros de voluntarios e efectivos da UME traballan nas tarefas de limpeza e recuperación dos danos.

O temporal máis grave que sufriu a rexión murciana e Alacante en 140 anos deixou perdas millonarias nunhas 300.000 hectáreas de cultivo, segundo as primeiras estimacións.

Das seis vítimas mortais que deixa esta gota fría, dúas delas foron na comunidade andaluza. As provincias de Almería, Granada e Málaga, sobre todo no municipio de Alhaurín el Grande, foron as máis afectadas, con máis de mil incidencias. O Goberno andaluz vai aprobar mañá unha partida de 10 millóns de euros para 133 municipios. O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, visita hoxe Almería.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/09/2019