CRTVG

Buscar

A Comunidade de Madrid quere facer tests de antíxenos nas farmacias, pero o Goberno non o ve claro

Publicado o 17/11/2020 16:56

• Madrid defende que "sería un antes e un despois" na loita contra a covid−19

• O Ministerio de Sanidade dúbida da seguridade do procedemento

 

 

A Comunidade de Madrid quere facer tests de antíxenos nas farmacias, pero o Goberno non o ve claro

O vicepresidente da Comunidade de Madrid, Ignacio Aguado, dixo que o seu obxectivo é que antes do Nadal "todos os madrileños" realicen ou poidan realizar tests de antíxenos gratuítos nas farmacias, e pediu ao Goberno central que "desatasque" esta posibilidade.

Para iso, a presidenta rexional, Isabel Díaz Ayuso, enviou este martes unha carta á presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, para pedirlle o seu apoio á proposta madrileña de facer tests de antíxenos nas farmacias.

"Actualmente, a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios non nos permite usar estes centros. Por este motivo, sería útil que algunha autoridade europea puidese validar esta nova forma de probas".

Actualmente fanse en Madrid entre 170.000 e 200.000 test semanais e é "unha das rexións máis avanzadas no uso de probas antíxenas, con máis de 130.000 realizadas durante a última semana"; destacou a presidenta que, precisamente, as probas masivas e o rápido diagnóstico son un dos factores clave na xestión desta segunda vaga.

Nese sentido, Ingacio Aguado comentou que a posibilidade de facer tests rápidos de antíxenos "sería unha revolución, un antes e un despois" e sinalou que xa se compraron 5 millóns de probas, aínda que "se comprarían máis" se fixese falta.

O vicepresidente madrileño sinalou que con este obxectivo propuxo o luns ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, que se volva convocar de forma presencial o Grupo Covid−19, integrado por membros de ambas as administracións para que "non tardemos cinco meses como coas PCR en orixe". Asegura Aguado que o ministro se comprometeu a esta reunión, aínda que sen precisar a data.

Nova polémica entre Madrid e o Goberno central

O pasado 4 de novembro, a directora xeral de Inspección e Ordenación Sanitaria da Comunidade de Madrid, Elena Mantilla, remitiu unha carta á Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) coa petición de que a rede de farmacias da rexión puidese facer tests de  antíxenos.

Ese mesmo día Illa asegurou que o seu departamento analizaría a idoneidade de permitir facer estes tests ás farmacias, algo que xa se fixo nun programa piloto en cinco concellos ourensáns (Ourense, Barbadás, O Carballiño, Verín e O Barco), pero non de forma xeneralizada, para o que é necesaria a autorización da AEMPS.

Non obstante, este martes o presidente do Consello Xeral de Enfermería (CXE), Florentino Pérez Raia, asegurou que o ministro de Sanidade Salvador Illa lle escribiu unha carta en que asegura que as farmacias non poden facer test rápidos de coronavirus.

Asegurouno ao ser preguntado pola súa opinión sobre a posibilidade de que as farmacias poidan facer estas probas; ao redor deste asunto, esta organización pronunciouse en contra en numerosas ocasións.

"O outro día recibín persoalmente unha carta do ministro referida a isto, e manifestou que rotundamente non se podían facer nas farmacias estes tests, salvo naquelas que puidesen ter departamentos de análises clínicas".

Riscos asociados

Pola súa banda, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, dixo este luns que realizar test de antíxenos nas farmacias pode ser unha axuda importante contra a covid−19, pero que hai que ser conscientes dos riscos asociados e os problemas legais e competenciais.

"Non podemos pensar que unha persoa con sintomatoloxía vaia a unha farmacia", declarou o director do CCAES, quen engadiu que, para que iso ocorrese, eses establecementos deberían ter "un circuíto covid" e, ademais, hai risco de que se contaxie o seu persoal.

Por todo iso, ao seu xuízo, existen "moitos" problemas competenciais ou legais que se están analizando, aínda que, "se nalgún momento conseguimos aclarar eses puntos e se poden facer", as farmacias "poden ser unha axuda importante" contra a covid−19.

Pola súa banda, a conselleira da Presidencia e portavoz do Govern de Catalunya, Meritxell Budó, asegurou este martes que traballan nunha estratexia de "tests masivos" á poboación para detectar o coronavirus, e para iso comprou 8 millóns de probas de antíxenos, que poderían ser feitas nas farmacias.