CRTVG

Buscar

Madrid e Barcelona pasan á fase 1 e ningunha provincia española quedará xa en fase 0

Publicado o 22/05/2020 21:07

O luns 25 millóns de españois, o 53% da poboación, estará xa na fase 1 do plan de desescalada. A Comunidade de Madrid logra o paso a esta primeira fase. Conségueo logo de tres intentos e da denuncia que a presidenta da Comunidade presentou no Tribunal Supremo contra o informe do Goberno central que denegaba o avance de fase de Madrid. 

"Estou moi satisfeita e valoro positivamente que Madrid comece a camiñar. Iamos cara a un problema económico gravísimo, deste xeito a sangría de 18.000 empregos semanais, polo menos, vai parar", di Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid.
Barcelona e a súa área metropolitana, eran as únicas zonas de Cataluña que seguían na fase 0, a partir do luns entrarán na fase 1. Así, toda a comunidade catalá estará nesta fase agás as tres rexións sanitarias que van por diante e entran na fase 2.

Castela e León tamén tiña varias zonas sanitarias en fase 1, pero agora, desde o luns estarán xa nela toda a comunidade, as nove provincias. En Castela-A Mancha. Toledo, Cidade Real e Albacete seguen na fase 1, en que entraron o 18 de maio.

Desde ese día, tamén están na fase 1 Málaga e Granada e así continuarán. A Xunta de Andalucía pedira que pasasen á fase 2 co resto das provincias da comunidade. Pero Sanidade non o autorizou, é partidaría de permanecer un mínimo de 14 en cada fase ."É necesario permanecer, polo menos ata agora así o consideramos, un período mínimo de 14 días que é o período de incubación e que permite ver se houbo efectos no progreso de fase", asegura Salvador Illa, ministro de Sanidade.

A Comunidade Valenciana é a única que levando 14 días na fase 1 non vai avanzar. O Goberno autonómico decidu non pedir o paso á fase dúas ao detectar unha lixeira repunta de contaxios.

O luns xa non haberá ningún territorio de España que estea na fase cero da desescalada.

Noticias web

22/05/2020