CRTVG

Buscar

A Comunidade de Madrid atopa 200 contratos relacionados co suposto financiamento do PP madrileño

Publicado o 11/12/2019 10:38
A Comunidade de Madrid atopa 200 contratos relacionados co suposto financiamento do PP madrileño

A Comunidade de Madrid detectou preto de 200 contratos da Consellería de Transportes, Infraestruturas e Vivenda relacionados coa cláusula do 1 % que investiga o xuíz do caso Púnica e que supostamente servirían para financiar actos do PP madrileño entre 2009 e 2013.

Así o confirmaron a Efe fontes do grupo parlamentario da Asemblea Unidas Podemos Esquerda Unida, que solicitou información sobre este tipo de contratos públicos nunha pregunta escrita remitida ao Goberno rexional.

Na resposta rexistrada o pasado 19 de novembro, adiantada pola Cadea Ser e á que tivo acceso Efe, o Goberno rexional detalla preto de 200 contratos con esa cláusula do 1 %, mecanismo que, segundo o auto do xuíz da Audiencia Nacional, Manuel García Castelló, utilizou o PP supostamente para financiarse irregularmente entre 2004 e 2014.

Esa cláusula obrigaba as empresas adxudicatarias de contratos de obras da Comunidade para destinar un 1 % do orzamento da obra en concepto de publicidade e a contratar a unha empresa para promocionalas, aínda que a investigación xudicial apuntaba que ese sistema puido servir para financiar o PP madrileño.

A maioría dos contratos que contiñan esa cláusula e que se enumeran na resposta do Goberno rexional á deputada de EU na Asemblea madrileña Sol Sánchez están vinculados a obras en estradas autonómicas.

Ademais, algúns deles están relacionados directamente coa empresa Mintra (Madrid Infraestruturas do Transporte), que foi extinguida no ano 2011.

Con todo, o Executivo madrileño asegura na súa resposta que "non existe constancia de facturas presentadas e pagas polos contratistas" que contivesen esa mesma cláusula.

Unidas Podemos espera que a Audiencia Nacional amplíe a súa investigación, aínda que non descarta acudir á Fiscalía Anticorrupción se fose necesario. Ademais, desde o Parlamento madrileño seguirán esixindo as facturas para coñecer o monto, segundo explicou a Efe Sol Sánchez, portavoz adxunta do grupo parlamentario.

O xuíz do caso Púnica estima que a caixa B do PP madrileño se nutriu de varios millóns de euros públicos baixo a supervisión da ex-presidenta Esperanza Aguirre e mediante varios mecanismos, un deles o do chamado 1 %.

Así consta no auto de imputación de Aguirre, onde sinala que esa cláusula introduciuse en contratos de oito consellerías, como a de Sanidade, e dá unha cantidade total aproximada de 5 millóns de euros desviados desta forma entre 2006 e 2008.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí