CRTVG

Buscar

A comunidade científica recalca que a vacina de AstraZeneca é segura

Publicado o 08/04/2021 15:18

A comunidade científica chama á calma: a vacina de AstraZeneca é segura, e cumpre un papel importante fronte á pandemia. Iso afirma Amós García Rojas, o presidente da Asociación Española de Vacinoloxía.

Aseguran que o importante é vacinar, e insisten: é moito maior o beneficio que o risco. "Por cada millón de vacinados poderiamos evitar uns mil ou 1.500 ingresos, e podería haber talvez dous casos de eventos graves", calcula Jesús Sierra, voceiro da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria.

Non hai un perfil de risco, pero a maioría dos casos graves afectaron a mulleres menores de 60 anos, así que entenden que, á falta de máis datos, se suspenda a vacinación nesa franxa de idade. Restrinxir a vacina á franxa de entre 60 e 65 anos "maximiza o beneficio e minimiza os riscos", afirma Sierra. 

En canto á estratexia para os menores de sesenta que xa recibiron a primeira dose, apostarían por completar a pauta con outra fórmula. "O ideal e o sensato é poder vacinar con dúas doses" explica García-Rojas, que entende que se os estudos de intercambiabiliade de vacinas dan os resultados previstos, "o máis razoable será que se lles poña unha segunda dose de ARN mensaxeiro".

Entenden que o debate arredor da vacina xere receos, pero piden confianza. "O sistema foi quen de detectar algúns procesos extremadamente raros entre millóns e millóns de doses de vacinas" di García-Rojas, que conclúe: "o sistema funciona, confiemos no sistema".

Noticias web

08/04/2021