CRTVG

Buscar

A Comunidad de Madrid restrinxe a mobilidade en sete zonas que non están afectadas polo estado de alarma

Publicado o 12/10/2020 11:46
A Comunidad de Madrid restrinxe a mobilidade en sete zonas que non están afectadas polo estado de alarma

A Comunidad de Madrid publicou unha orde, que entrará en vigor este luns, pola que restrinxe a mobilidade en sete zonas básicas de saúde que non están afectadas polo estado de alarma, ao ser municipios máis pequenos de 100.000 habitantes.

Así, ás zonas de Villa del Prado,  Humanes de Madrid e Reyes Católicos (en San Sebastián de los Reyes), que estaban en vigor mantéñense, e a elas súmanse as zonas básicas de Arganda del Rey (Arganda del Rey), Sierra de  Guadarrama (Collado Villalba), Colmenar Viejo Norte (Colmenar Viejo), e  Valleaguado (Coslada), segundo publicou o Boletín Oficial da Comunidad de Madrid este sábado.

Nestas zonas básicas establécese a restrición de entrada e saída no perímetro do municipio salvo en situacións concretas: por motivos laborais, médicos, accesos a centros educativos, regresar á zona residencial; asistencia a persoas maiores, menores ou dependentes; acceso a entidades bancarias ou de seguros, legais ou administrativas; acudir a exames ou calquera outra necesidade prioritaria, urxente ou de forza maior.

Respecto a os lugares de culto, o aforo establécese a un terzo. Nos velorios poderán estar un máximo de 15 persoas en espazos ao aire libre e 10 persoas no caso de ser lugares pechados.

Os establecementos de hostalería e restauración teñen limitado o aforo ao 50 por cento, tanto en espazos interiores como exteriores, e non estará permitido o consumo en barra.

Os aforos no comercio báixanse ao 50 por cento e o seu peche será ás 22 horas, fóra das farmacias, centros médicos, veterinarios, de combustible e outros considerados esenciais.   Por outra banda, a actividade que se realice en academias, autoescolas e centros privados de ensinos non regrados limítase ao 50 por cento.

Poderá realizarse práctica deportiva en instalacións deportivas, tanto ao aire libre como de interior, sempre que non se supere o 50 por cento do aforo máximo permitido da instalación en espazos interiores e o sesenta por cento en espazos exteriores.

Poderase realizar en grupos máximos de seis persoas. Ademais, se  supende temporalmente a actividade dos parques infantís de uso público.   As medidas para estas zonas terán unha vixencia de catorce días naturais desde que entren en vigor, "podendo ser prorrogado se así o requirise a evolución da situación epidemiolóxica".