CRTVG

Buscar

A compravenda de vivendas encadea cinco anos seguidos á alza

Publicado o 12/02/2019 21:22

O numero de transaccións inmobiliarias en Galicia estivo dous puntos por riba da media estatal, un 12 %. Sabemos tamén que a maioría das operacións rexistradas foron de vivenda libre e sobre pisos de segunda man. Porén, en toda España, 2018 ralentiza a suba con respecto a 2017, ano en que subira máis do 15 %.

Tamén relacionado co mercado inmobiliario, o Banco Central Europeo advertiu hoxe sobre a suposta facilidade coa que se volven conceder créditos hipotecarios, e pediulle control á banca española.

Os locais comerciais só baixaron en Lugo

Lugo é a única cidade galega onde os arrendamentos dos locais comerciais se resisten a subir. No resto das urbes do país, arrendar un baixo sae hoxe entre un 2 e un 9 por cento máis caro ca hai seis meses, pero na cidade amurallada o alugueiro medio chegou a descender incluso máis dun 25 por cento. Entre as principais causas desta baixada, os expertos sinalan a maior oferta inmobiliaria e mais o reaxuste duns prezos que, aínda así, seguen equiparados aos do centro da Coruña. 

Javier López Jato, experto inmobiliario: "Houbo que axustar un pouquiño as rendas porque viñan moi elevadas de anos atrás. Había moita oferta e a xente barallaba cambiarse de local. Ao mellor, na mesma rúa tiña en fronte un local cunha diferenza considerable no prezo con respecto ao que estaba pagando, e antes de deixar marchar un inquilino facíaselle un axuste na renda para que seguise co alugueiro o local e a actividade funcionando".

Á súa vez, a maior oferta de baixos baleiros en Lugo vén dada pola súa maior riqueza arqueolóxica.

O custo das obras pode dispararse de se atoparen achados, polo que moitos dos propietarios optan por non realizar reformas nos inmobles.

Luis Latorre, presidente da asociación de empresarios Lugo Monumental: "Estamos a falar de casas en que ao mellor só che alugan o edificio enteiro. Non hai entrada separada para os pisos e para o baixo e entón tes que alugar o edificio enteiro. E o que está a pasar é que hai moita xente que se bota para atrás. A xente non aluga no recinto histórico porque é complicado". 

Alugar un baixo no centro comercial de Lugo sae nunha media de 14 euros o metro cadrado.

A milla de ouro. A rúa Príncipe é a máis cara de Galicia.

Entre franquías e grandes marcas, os locais baleiros cóntanse cos dedos dunha man e iso que o metro cadrado se paga a 42 euros na rúa Príncipe de Vigo, a máis cara de Galicia. Os prezos dos baixos comerciais nas rúas lindeiras están, con todo, a moita distancia dos da milla de ouro: de 22 nas perpendiculares a 7,5 na zona vella. Xa noutros barrios caen ata os 5 euros o metro cadrado. A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias calcula que en Vigo hai uns 1.200 locais dispoñibles.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/02/2019