CRTVG

Buscar

A compravenda de vivendas aumentou un 14,6 % en 2017, un 8,7% en Galicia

Publicado o 13/02/2018 21:17

A compra de vivenda aumentou o ano pasado en España case un 15%. É o maior aumento desde o inicio da crise. Aquí vendéronse o ano pasado un 9% máis casas ca en 2016, o segundo menor incremento de entre todas as comunidades autónomas. Os datos do Instituto Nacional de Estatística confirman que o mercado inmobiliario segue recuperándose. Non só aumentou por cuarto ano consecutivo o número de transaccións, senón que foi o primeiro ano desde 2010 que tamén aumentou a compravenda de vivenda nova. Con todo, 8 de cada 10 casas que cambian de dono son de segunda man.

En 2017, compráronse en Galicia 14.500 casas ou pisos. É un 8,7% máis ca o ano anterior, pero a cifra queda 6 puntos por debaixo da media española. De feito, o País Vasco é a única comunidade onde o mercado inmobiliario se moveu menos que o galego.

De cada 4 vivendas vendidas en Galicia, 3 eran usadas. Os datos do Instituto Nacional de Estatística confirman a recuperación do sector do ladrillo. A compravenda de vivenda aumentou un 14,6%. Van catro anos seguidos de incremento, e cunha novidade importante: desde 2010 non aumentaba a compra de vivenda de nova construción.

En total, o ano pasado cambiaron de mans en España 460.000 casas: os expertos cren moi probable que este 2018 se supere o medio millón, cifras que non se rexistraban desde o estoupido en 2008 da burbulla inmobiliaria.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018