A Comisión Europea presenta un plan para protexer os consumidores fronte a abusos
A Comisión Europea presentou este venres o seu plan para protexer os dereitos dos consumidores nos próximos cinco anos, tendo en conta os inconvenientes que causa a pandemia na cancelación de voos ou a venda fraudulenta de máscaras, así como os retos do comercio en liña.
Para 2022, Bruxelas ten intención de revisar a directiva que regula os dereitos dos viaxeiros, en base aos problemas que a falta de liquidez dos operadores de turismo ou quebras como a de Thomas Cook en 2019 causa aos consumidores como o reembolso dos billetes.
A Comisión tamén quere mellorar a cooperación entre as oficinas nacionais de protección ao consumidor para loitar contra a fraude de produtos sanitarios, que aumentou durante a covid-19.
Así as cousas, o próximo 2 de decembro presentará a nova Directiva de Servizos Dixitais que entre os seus obxectivos, ten o de responsabilizar as grandes tecnolóxicas como Amazon ou Facebook do contido ilegal que aparece nas súas páxinas web, aínda que a orixe da información proveña de terceiros.
Neste sentido, a CE mantén desde marzo contactos coas plataformas para pedirlles retiren contido fraudulento das páxinas e o comisario de Xustiza, Didier Reynders, lembrou que Google bloqueou 260 millóns de anuncios relacionados coa covid e Ebay, máis de 44 millóns.
Dixitalización
Entre os retos que expoñen as novas tecnoloxías, por exemplo a Intelixencia Artificial nos coches sen condutor, o Executivo comunitario quere revisar a directiva relacionada coa seguridade dos produtos.
Tamén quere actualizar a directiva de mercadotecnia de servizos financeiros.
Consumo sostible
Bruxelas quere mellorar a información dos produtos para que os cidadáns poidan elixir un consumo máis sostible.
"Os consumidores están no centro do cambio global", dixo Reynders, e engadiu que "necesitan estar habilitados para facer eleccións sostibles e estar tranquilos de que os seus dereitos se protexerán en todas as circunstancias".
Para iso, a CE en 2021 presentará unha proposta para que os consumidores teñan maior información sobre a obsolescencia programada dos produtos e quere impulsar medidas como o cargador universal de teléfonos ou computadores portátiles.
Entre as prioridades que anunciaron hoxe Jourova e Reynders está a cooperación con China, para lograr que os produtos importados cumpran cos estándares de seguridade europeos, entre eles, os xoguetes.