A Comisión Europea estuda as medidas do Goberno español no mercado eléctrico
As medidas lanzadas polo Goberno español para frear a escalada de prezos da luz xa son analizadas pola Comisión Europea. Cada estado membro ten a capacidade de intervir na fixación de prezos, pero Bruxelas debe garantir que non rompan as regras do Mercado común eléctrico.
A Comisión Europea é consciente das medidas anunciadas para rebaixar a factura da luz. O Goberno presentoullas en contactos previos e por agora non hai obxeccións.
Bruxelas xa as analiza polo miúdo. Para estudar se recortar os beneficios extraordinarios das enerxéticas, as rebaixas de impostos ou as novas poxas eléctricas porán en risco o mercado común europeo.
España é o primeiro socio da UE en tomar medidas drásticas contra a suba da factura. Francia tamén estuda ampliar as axudas a familias ante estes encarecementos. E o Alto Representante Exterior comunitario, Josep Borrell, recoñece que Europa debe revisar o seu mercado enerxético. Porque a formación de prezos e o gas están falseando a factura final.