A Comisión Europea eleva a previsión de crecemento para España
Publicado o 11/02/2021 15:48
Bruxelas publica novas previsións de crecemento. Alerta de que pode haber unha onda de insolvencias e quebras de empresas, pero mellora un chisco as previsións para España.
En concreto, a Comisión Europea eleva dúas décimas a previsión de crecemento para España este ano, ata o 5,6%. Sería o mellor dato de toda a Unión Europea. A cifra aínda está lonxe do 7% que prevé o Goberno, pero Bruxelas non inclúe o efecto que poden ter os fondos europeos.
Para o 2022 tamén elevan o crecemento ata o 5,3%. Aínda así, as previsións din que España chegará ao 2023 sen ter recuperado o nivel económico previo a esta crise. E tamén advirte de que pode haber unha onda de insolvencias e quebras de empresas cando comecen a retirarse os estímulos á economía.