CRTVG

Buscar

A nova lei do xogo busca protexer os menores e previr adiccións

Publicado o 03/06/2019 16:00

Xuntanza da Comisión do Xogo, en que están representados casinos, bingos e salas de xogos. O Goberno galego entregoulles o borrador da nova lei do sector. A normativa limita o parque de máquinas recreativas e as casas de apostas e salóns de xogo, e establece maiores controis para protexer os menores e previr as adiccións.

O borrador galego da Lei do xogo adapta o texto do ano 85 a unha nova realidade social, cunha política de xogo responsable que busca protexer a poboación das adiccións, especialmente os menores. A lei limita os establecementos de xogo na comunidade. Serán 12 bingos, 41 casas de apostas e 118 salóns de xogo que a partir de agora deberán someterse tamén ao rexistro de prohibidos.

Segundo explicou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Vilanueva, "haberá unha especial protección aos menores. Non poden entrar baixo ningún concepto nos establecementos de xogo, posto que a partir da entrada en vigor da lei será obrigatoria a identificación de cada persoa que entre neses establecementos de xogo".

Establece distancias de 150 metros a centros escolares e de trescentos metros entre locais de xogo. E busca reducir o parque de máquinas recreativas e de apostas. As que se dean de baixa non se van volver autorizar, como se facía ata agora. Tamén actualiza as sancións. O borrador estará a exposición pública durante un mes para atender alegacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/06/2019