CRTVG

Buscar

A Comisión de Saúde Pública reúnese este xoves para analizar se administran AstraZeneca a maiores de 65 anos

Publicado o 08/04/2021 11:38
A Comisión de Saúde Pública reúnese este xoves para analizar se administran AstraZeneca a maiores de 65 anos

A Comisión de Saúde Pública vaise reunir este xoves co fin de analizar a posibilidade de administrar en España a vacina contra o coronavirus desenvolta pola compañía AstraZeneca ás persoas maiores de 65 anos.

A reunión prodúcese un día despois de que o pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde acordase, co voto en contra da Comunidade de Madrid e a abstención do País Vasco e Ceuta, suspender a inoculación desta vacina nos menores de 60 anos, despois de publicarse un novo informe do Comité para a Avaliación de Riscos en Farmacovixilancia Europeo da Axencia Europea de Medicamentos.

Carolina Darias, informou que o CISNS trasladara tamén á Comisión de Saúde Pública a decisión de administrala aos maiores de 65 anos. De feito, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, xa adiantou este luns a proposta de administrar a vacina de AstraZeneca a esta poboación, como así o recomendou a Organización Mundial da Saúde.

Ademais, algúns países europeos, como Francia, Alemaña ou Italia xa a están inoculando aos maiores de 65 anos.