CRTVG

Buscar

A comisión de reconstrución traballará para aproveitar os fondos europeos

Publicado o 08/10/2020 11:41

A comisión de reactivación económica, social e cultural tras o impacto da covid-19 iniciouse este xoves no Parlamento de Galicia co obxectivo de tentar aproveitar a oportunidade que supoñen os fondos de recuperación europeos.

Todos os grupos manifestaron a importancia de expor proxectos que consigan que Galicia reciba a parte que merece destas axudas, á vez que manifestaron a súa vontade de acordo e diálogo aínda que con certas cautelas por parte da oposición por un posible "rodete" ou "veto" do PP, que ten a maioría absoluta.

O deputado do PP Diego Calvo, vicepresidente do Parlamento, presidirá esta comisión, que tamén conta cunha parlamentaria popular na vicepresidencia, Encarna Amigo, mentres que a secretaría é para a nacionalista Noa Presas.

Para o portavoz do PP, Pedro Puy, o acordo para constituír esta comisión é unha mostra da disposición do seu partido para escoitar as outras forzas políticas, BNG e PSdeG, ás que dixo que é o momento da responsabilidade política e non de "tentar levar adiante proxectos ideolóxicos".

Puy asegurou que é o momento para que todos acheguen ideas e esta comisión constitúe unha oportunidade para aproveitar a achega de fondos que facilita a UE para a recuperación tras o impacto do coronavirus e é necesario facer un "uso razoable" dos mesmos para consolidar os cambios que cre que "xa están na sociedade galega".

A portavoz do BNG, Ana Pontón, reclamou que non se perda esa oportunidade de chegar a un "gran acordo" de país para a distribución deses fondos. "Non podemos permitir que Madrid quede coa parte do león e Galicia coas migallas", advertiu, tras mostrar a súa preocupación porque País Vasco ou Cataluña xa están a expor proxectos concretos e a Xunta non.

Por iso, insistiu en que é importante que esta comisión "non chegue tarde" e instou a ter "altura de miras" e axilidade para traballar e que Galicia teña "a parte que lle corresponde" do fondo de recuperación europeo.

Neste sentido, pediu non repetir erros "do pasado" e que a comisión funcione "sen vetos nin maiorías absolutistas", en referencia á do PP.

Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, tamén indicou que "non é momento de aplicar o rodete" senón de poñer propostas sobre a mesa porque Galicia "non pode perder o tren" dos fondos europeos e é necesario aproveitar estas axudas "a diferenza do que se fixo noutros momentos".

Puntualizou que non se trata de traballar agora nunha especie de "plan E" para a distribución directa aos municipios, senón que hai que competir con plans para captar eses fondos e espera que para ese obxectivo a comisión sexa un "instrumento útil".

A falta dun plan de traballo concreto e un calendario que agora terá que ser acordado polos grupos, a perspectiva inicial da comisión é poder ter unhas conclusións a finais deste ano ou principios de 2021.

Ningún dos voceiros parlamentarios avanzou as propostas que incluirán neste plan de traballo que presentarán a semana próxima.

No BNG devecen funha comisión "aberta á cidadanía e que funcione sen vetos" porque, advertiu Pontón, "o uso e o abuso das maiorías absolutas acaban converténdose en cegas e xordas ante as demandas da sociedade".

Nunha liña similar, Caballero insistiu en que "non é o momento de aplicar o rodete" nin de "acoutar" os traballos dunha comisión tan relevante para…