CRTVG

Buscar

Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021: "Os valores que Europa ten ou necesita están no Camiño"

Publicado o 29/08/2019 12:27
Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021: "Os valores que Europa ten ou necesita están no Camiño"

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, afirmou que "os valores que Europa ten ou que hoxe necesita e busca" están no Camiño de Santiago, uns principios como o intercambio cultural, a acollida ou a solidariedade que "hoxe máis que nunca" é necesario "reivindicar".

Pereira participou na xornada O Camiño de Santiago, unha senda de integración, desenvolta no marco dos Cursos Europeos de Verán impartidos en Civican.

No seu relatorio Camiño de Santiago, patrimonio europeo e mundial, Pereira quixo poñer en valor "que o Camiño de Santiago é algo moi especial, que non é soamente un roteiro natural nin un roteiro cultural". "É un roteiro tamén espiritual e transcendental, os valores que Europa ten ou que hoxe necesita e busca están no Camiño", explicou, facendo referencia a principios como o "intercambio cultural, a acollida, a solidariedade, o saber que o que nos diferencia fainos moito máis fortes e que si que existen unhas cousas esenciais que son comúns".

Pereira, que citou o poeta Goethe ao afirmar que "Europa se constrúe a través do camiño", destacou que "hoxe é máis necesario que nunca reivindicar eses valores". "Nun momento en que hai tantas barreiras, tantas bandeiras e tanto apreciar o que nos diferencia, o que temos que buscar é o que nos une, e o camiño ao final é esforzo, buscar un obxectivo común, é descubrir no outro case ao teu irmán", remarcou.

Tras asegurar que a cultura "é un feito diferencial que non podemos obviar mesmo en época de crise", engadiu que "case todo o mundo fala do Camiño de Santiago como un camiño interior, porque o é". Neste sentido, trasladou que "a xente xa non o fai por razóns exclusivamente relixiosas coma antes, nin sequera ás veces por razóns espirituais". Segundo apuntou, hoxe en día búscase "porque é unha experiencia humana de intercambio".

En palabras de Pereira, "nunha época en que todo é tan virtual, á xente o que máis a sorprende é entender que o xaponés, o checo ou o italiano que está con el ten as mesmas preocupacións vitais e as mesmas dubidas que temos cada un de nós". "O recoñecerte no outro e o ser capaz, nunha sociedade tan consumista, de volver ao sustentable, ao esencial, de ir baleirando a túa mochila e deixando o que sobra, é un boísimo ensino para todos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí