A combustión dunhas candeas provocou un incendio na capela de Santa Eufemia, en Trazo
Este domingo celebrábase a terceira festa deste mes de setembro na capela de Santa Eufemia, en Trazo. É o día en que nesta localidade, situada entre Santiago e Ordes, festexan santa Lucía. A capela xa estaba pechada cando varias persoas que estaban nos arredores, nunha polbeira e noutro bar, se decataron de que saía fume pola porta e avisaron o crego que comía na parte de arriba da igrexa. Prenderan unhas candeas que estaban situadas a carón da figura de santa Eufemia.
Manuel Pontes García, crego de Vilouchada e outras parroquias: "Bateron unhas candeas contra outras e derreteron a estada que é de aluminio e ao caer a estada estendeuse o incendio. Encheuse a capela de fume e o lume chegou ao confesionario e ao retablo onde está a santa. Pero foi máis ben un susto".
Os veciños xa apagaran con caldeiros de auga o lume cando chegaron os voluntarios de Protección Civil de Val do Dubra.
Óscar del Río, presidente da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Val do Dubra: "Alertei catro voluntarios, que saíron cun camión e cun coche. Cando chegaron, o incendio xa estaba sufocado polos veciños que estaban na festa e fixeron algo de limpeza e ventilaron a igrexa".
O lume estragou un confesionario e o altar en que está a imaxe de santa Eufemia. As paredes quedaron manchadas polo fume e o chan pola gran cantidade de cera que caeu. O crego espera poder contar con axudas das institucións para reparar os danos.