CRTVG

Buscar

A comarca de Santiago, á cabeza en incidencia acumulada

Publicado o 28/10/2020 14:08

A comarca de Santiago é a que presenta os peores datos de incidencia acumulada na última semana: 210 casos por cada cen mil habitantes. Concéntranse, fundamentalmente, nos concellos de Santiago, Ames e Teo. Unha situación que fai prever novas restricións a partir dos venres, cando se reúna o comité clínico.

Con 210 casos por cada cen mil habitantes en 7 días e 350 en 14 días, a comarca de Santiago é a que peores datos presenta actualmente en canto a incidencia acumulada: "A situación é bastante preocupante para todo o mundo". "Eu ben, a verdade, porque son de Andalucía e alí, segundo teño entendido, é peor", comentan dous veciños.

Máis de 5.000 estudantes levan pasado nos últimos días polo cribado da Universidade. Os positivos, ata o momento, apenas soben do 1 por cento: "É certo que hai moita xente da nosa idade bastante irresponsable, pero tamén xente maior está facendo parvadas". "Ti vas pola rúa e ves as máscaras mal postas, e que se ven usadas, non limpas... falta concienciación xeral, non só na xente nova", sinalan dous mozos á saída das probas.

Tamén houbo cribados na cidade e no Milladoiro, no concello veciño de Ames, pero cunha participación escasa. O venres reúnese de novo o comité clínico para avaliar o impacto das medidas actuais, que limitan as relacións sociais aos conviventes, e valorar un posible endurecemento das restricións.

"Eu estou preocupada porque a ninguén nos interesa que se siga paralizando a nosa actividade. Eu son actriz, teño unha compañía de teatro, co toque de queda podemos seguir traballando, pero temos que frear para poder seguir avanzando". "Non entendo, por exemplo, a distancia de seguridade nun bar, cando no autobús vés a tope e non convives con eles", lamenan dúas veciñas.

No que respecta á presión hospitalaria, a área sanitaria de Santiago presenta mellores datos ca outras: hai 70 persoas ingresadas, 11 na UCI, unha cifra inferior ás que se rexistran na Coruña e en Ourense e semellante á de Vigo.

Noticias web

28/10/2020