A comarca de Monterrei acumula máis do dobre de casos que hai unha semana
O caso contrario á boa tendencia da área sanitaria de Ourense, onde hoxe baixan os casos en máis dun cento, atopámola na comarca de Monterrei. Nos oito concellos que a conforman, na última semana hai máis do dobre de casos; onde máis, en Verín, 95, 8 máis ca onte. Con esta situación, mañá o concello de Verín pasa a nivel alto de restricións.
A comarca de Monterrei amenceu hoxe con 146 casos activos, hai sete días eran 68. Cunha incidencia acumulada en Verín de preto de 700 casos por 100.000 habitantes e subindo os ingresos a catro no hospital comarcal, dende mañá están en nivel alto de restricións.
Para detectar asintomáticos e frear a expansión do virus, esta tarde neste pavillón de deportes 2.500 mozos de entre 16 e 35 anos están citados para facer un test de antíxenos.
O desexo de todos, que este cribado e as restricións máis severas axuden a mellorar a situación na comarca de Monterrei. Pola contra, os casos activos da totalidade da área sanitaria de Ourense levan cinco días seguidos baixando, hoxe hai 112 menos.