A comarca de Bergantiños queda dividida en tres niveis de restricións tras os cambios nos peches perimetrais
Os cambios nos peches perimetrais deixan algunhas comarcas de Galicia con distintos niveis de restricións. É o que ocorre en Bergantiños, unha comarca que a partir desta medianoite quedará dividida en tres zonas, segundo os datos epidemiolóxicos.
Carballo e A Laracha quedan con nivel máximo de restricións, pero son á vez o centro dunha comarca que depende delas para moitos servizos.
Así as cousas, nestas vilas apuran as últimas horas para realizar as compras.
"Hai que aproveitar para facer a compra para ter o máis básico", di unha veciña de Carballo. "Hai que apurar que logo tardan moito en volver abrir", engade outra.
Os veciños de boa parte da comarca de Bergantiños quedarán a partir de media noite sen poder entrar na cabeceira de comarca máis que para actividades esenciais.
Localidades que dependen para moitas actividades dos servizos que ofrece Carballo, onde os comerciantes tamén botan contas.
Din que a facturación caeu xa un 40 % e chega esta situación en plena campaña de Nadal.
"Aféctanos moito porque dependemos da xente da comaca que nos ven mercar", di un comerciante.
Situacións que se dan tamén noutros puntos de Galicia, como é o caso das Pontes.